[Teixeiro] Crónica da IX Marcha à cadeia de Teixeiro

O pasado sábado 8 de xaneiro celebrouse a XI Marcha á prisión de Teixeiro. A anterior convocatoria anti-carceraria non se levou a cabo pola prohibición da Subdelegación do Governo da Coruña, por iso desta vez decidiu facerse sen pedir autorización.

Nesta peza, elaborada pola Unión Libertaria de Ferrol, podemos ver como un membro da Garda Civil rexistra cunha cámara de vídeo ás persoas que acudiron solidarizarse e reclamar os dereitos daquelas que están tras os muros.

http://galizacontrainfo.org

*******************************************

Por fin , contra vento e marea, conseguimos facer a XI Marcha á prisión de Teixeiro. Non puido facerse no ano 2010, coma debía ser, pois a prohibición expresa da subdelegación do goberno da Coruña impediuno (facela igualmente suporía un delito penal para os participantes e unha carga policial garantida), pero fixémola tres semanas máis tarde da convocatoria inicial, xa no 2011, e sen pedires permiso algún.

Pese á intensa choiva, pese ó imponente dispositivo despregado pola guardia civil, que non deixou un manifestante sen identificar, pouco máis de sesenta valentes desafiaron á autoridade maila climatoloxía pra amosares a súa solidariedade coas persoas presas e pra condenar a inxustiza que supón a mera existencia deste campo de exterminio.

As cuantiosas multas e as rodas pinchadas na marcha do ano pasado, unidas á prohibición da primeira convocatoria deste ano (tontos de nós por tentar legalizala) e a un tempo moi galego pero que, nesta ocasión, traballou da beira da represión (aínda que a guardia civil mollouse o mesmo ca nós), fixeron desta unha das marchas menos concurridas dos últimos once anos. Pero os presos puideron escoitarnos e respostar con abundantes berros ós nosos cánticos. A solidariedade traspasou outro ano máis os muros da ignominia mal que lle pese ós artífices da represión, que non escatimaron esforzos por silenciarnos.

Un bus achegounos, en dúas tandas, ate o perímetro exterior do cárcere. Nesta ocasión a intensa choiva e os controis policiais despregados en varios puntos da calzada fixéronos desistir de percorrer a pé os kilómetros que separan a gasoliñeira da cadea. Antes de baixar do autobús a guardia civil informounos de que polo mero feito de por os pés na calzada xa incurríamos en varias infraccións que serían debidamente sancionadas. O seu discursito, así como todo o que alí aconteceu, foi oportunamente gravado por un picoleto con ínfulas cinéfilas. Isto tivo a vantaxe de sacar a relucir os mellores modales que un puidera esperar da benemérita, un trato exquisito en comparación ó que estamos acostumados, as desvantaxes probablemente xa as poderemos comprobar cando cheguen as denuncias.

Os tradicionais cohetes e bengalas, agochados no traxecto por obvias razóns, foron desafortunadamente localizados polos picoletos, o que desluciu un tanto a protesta. O esaxerado do control impediu tamén que prendéramos as habituais antorchas e a choiva impediunos darlle lume ó cárcere de cartón que tódolos anos sometemos a purificación das lapas, así que non tivemos máis remedio que queima-la pancarta para que os presos puideran vernos e pra darlle cor ó asunto.

Cando, ó remate, quixemos facer voar un globo de papel co lema “abaixo os muros”, un picoleto fillo de mala nai fíxolle un burato provocando que se incendiara a menos de dez metros de soltalo.

Sabendo que os presos e, especialmente, as presas (que están no módulo máis preto da estrada) lles chegaron as nosas mostras de apoio, así como a nós as súas, e que os represores captaron tamén a mensaxe (nós da súa estamos ata os collóns) voltamos pra as nosas casas tras máis de dúas horas de unha protesta que nin a choiva nin a autoridade foi quen de impedir.

O ano que ven (ou este pero dentro de case un ano) podedes estar seguros que voltaremos có mesmo amor e a mesma raiba, se non máis, que tódolos anos.

NON PODERÁN CALARNOS

ABAIXO OS MUROS DAS PRISIÓNS!!!!!!

P.D.-Se os chegan multas, cousa bastante probable, faríades ben en poñervos en contácto con nós no correo deste blog (abordaxe@gmail.com).

http://abordaxerevista.blogspot.com/